Eventos, congresos e xornadas de Industrias culturais

Curso de verán "Industrias culturais e creación de valor"

Universidade Internacional Menéndez Pelayo. Palacio de La Magdalena (Santander). 20-24 de xullo de 2009. Organiza o Ministerio de Cultura

O concepto de Industrias culturais adquiriu carta de natureza durante os últimos anos, tanto nos países máis desenvolvidos coma nas institucións supranacionais. Ben polas vinculacións que suxire entre obxectivos sociais e económicos da Cultura, ben pola transversalidade das súas actividades e procesos, só poden verse con propiedade dende unha perspectiva sistémica.

Actualmente, vólvense ademais moitas miradas cara ás Industrias culturais, solicitando delas creatividade, competitividade, vinculación do industrial coas actividades de servizos e, como non, o mantemento dos seus aspectos sociais e culturais.

E de aí a pertinencia do “estado da cuestión” das Industrias culturais que pretende facer este curso, que terá como fío condutor a creación de valor por parte destas. Unha creación de valor, tanxible e intanxible, que ten que ser vista e apreciada por todos os grupos de interese, institucionais, sociais e económicos, que participan na Cultura e da Cultura. Sen esa creación de valor, e tendo en conta a dificultade de medir as súas múltiples actividades, as Industrias culturais poden perder boa parte do seu atractivo de intersectorialidade, de transversalidade e de creatividade socio-económica, que motivaron a súa eclosión ata o presente.

As sesións do curso terán lugar entre conferencias e mesas redondas sobre diferentes aspectos do sector, como por exemplo: políticas públicas de industrias culturais; promoción e exportación de bens culturais; empresas creativas, investigación e innovación tecnolóxica; a era dixital, as novas tecnoloxías e o seu impacto na industria cultural; o financiamento público e privado da cultura; capital semente e capital risco para o financiamento da cultura; turismo cultural; novas formas de industrias culturais e as sinerxías entre o global e o local.

Xa están confirmados a maioría dos relatores que asistirán ao curso, entre eles, Salvador Ordóñez, reitor da UIMP; Guillermo Corral Van Damme, director xeral de Política e Industrias Culturais do Ministerio de Cultura; Maribel Montañés, directora xeral da Sociedade Estatal para a Acción Cultural Exterior (SEACEX); Jaime Montalvo, director xeral de Promoción do Instituto Español de Comercio Exterior (ICEX); Carlos Mulas-Granados, profesor titular de Economía aplicada da UCM e investigador do ICEI; Santos Miguel Ruesga, Consello de Administración, Corporación RTVE; Rafael de Ramón Burgos, director de e-cultura; Francisco Galindo, director Fundación Autor; Albert Colomer, Fundación Red Española de Business Angels; Águeda Esteban, catedrática de Márketing da Universidade Castilla La Mancha e directora do Máster en Xestión Cultural do Instituto Ortega y Gasset; Inmaculada Turbau, Directora de Casa de América; José Manuel Gomez Bravo, vicepresidente da Fundación Instituto de Cultura del Sur e director de Propiedade Intelectual do Grupo Prisa; Xaver Marcé, director de Expansión de Focus.

O curso está dirixido por Mónica Melle Hernández, subdirectora xeral de Promoción de Industrias Culturais e de Fundacións e Mecenado do Ministerio de Cultura.

En breve farase público o programa e abrirase o prazo de inscrición, que se realizará a través da páxina web da Universidade Internacional Menéndez Pelayo.

Subir