Volver

Réxime xeral de protección do Patrimonio Histórico

Dentro do réxime xeral existen tres niveis de protección en función da singular relevancia do ben que ordenados de menor a maior protección son os seguintes:

  • Patrimonio Histórico Español.
  • Inventario Xeral de Bens Mobles.
  • Bens de Interese Cultural.

A protección destes bens implica que os propietarios ou titulares teñan uns dereitos e obrigas establecidas na propia Lei 16/1985 de Patrimonio Histórico Español.

Patrimonio Histórico Español.

Este sería o grao mínimo de protección dun ben. Integran o Patrimonio Histórico Español todos os bens inmobles e obxectos mobles de interese artístico, histórico, paleontolóxico, arqueolóxico, etnográfico científico ou técnico. Tamén forman parte deste o Patrimonio documental e bibliográfico, os depósitos e zonas arqueolóxicas, os sitios naturais, xardíns e parques, que teñan un valor artístico, histórico ou antropolóxico (Lei 16/1985, art.1).

Inventario Xeral de Bens Mobles.

Nun nivel superior de protección, están os bens incluídos no Inventario Xeral de Bens Mobles, que posúen un notable valor histórico, arqueolóxico, científico, artístico, técnico ou cultural, e que non fosen declarados de interese cultural. (Lei 16/1985, art 26).

Bens de Interese Cultural (BIC).

O grao máximo de protección constitúeno aqueles bens inmobles e bens mobles declarados de interese cultural. Estes bens inclúense no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural.

En primeiro lugar, os Bens de Interese Cultural que a lei establece como tales, son os inmobles destinados á instalación de arquivos, bibliotecas e museos de titularidade estatal, así como os bens mobles custodiados no seu interior. De igual maneira, as covas, abrigos e lugares que conteñan manifestacións de arte rupestre, os castelos, emblemas, cruces de termo e outras pezas similares, ao igual que hórreos ou cabazos antigos existentes en Asturias e Galicia (Lei 16/1985, arts. 40.2 e 60.1; e disposición adicional segunda).

No segundo caso, os Bens de Interese Cultural declarados mediante Real Decreto, de forma individualizada, implica a previa incoación e tramitación de expediente administrativo. No caso do Estado ademais deberase contar cun informe favorable dalgunha das seguintes institucións consultivas: Xunta de Cualificación, Valoración e Exportación de Bens do Patrimonio Histórico Español, as Reais Academias, as Universidades españolas, o Consello Superior de Investigacións Científicas, ou as Xuntas Superiores. No caso dos bens que afecten as Comunidades Autónomas, o informe será emitido polas institucións por elas recoñecidas.

Subir