Volver

Taxas aplicables á exportación de bens culturais

A autorización de exportación definitiva e a temporal con posibilidade de venda (cando esta efectivamente se produce) de bens fóra da Unión Europea está suxeita a unha taxa establecida.

Por tanto, están exentas do pagamento de taxas, as exportacións de bens:

  • Con destino a países da Unión Europea.
  • Cuxa importación fose declarada segundo o artigo 32 da Lei 16/1985.
  • Exportados temporalmente.
  • Con menos de cen anos non incluídos no Inventario Xeral de Bens Mobles.
  • Os que teñan entre 50 e 100 anos de antigüidade e teñan destino a países non membros da UE, se quedan por debaixo dos valores sinalados no Regulamento (CE) 116/2009
  • Os que teñan menos de 50 anos.

A xestión da taxa queda atribuída ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a través da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Histórico. O diñeiro será ingresado no Tesouro Público, e destinado á adquisición de bens de interese para o Patrimonio Cultural Español.

A base impoñible da taxa:

  • Exportacións definitivas: o valor declarado na solicitude do permiso de exportación. Unha vez feito o ingreso, o solicitante debe remitir á Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Histórico o xustificante deste. No momento en que este se reciba, entregaráselle o permiso de exportación.
  • Exportacións temporais con posibilidade de venda: o prezo efectivo da venda cando esta se produza. O solicitante aboará a taxa de exportación só en caso de venda da obra no estranxeiro. Por iso, recibirá o permiso de exportación antes de aboar a taxa.
    • Ten un prazo dun ano para comunicar ante a Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Histórico se vendeu a obra ou se, pola contra, a volveu introducir en territorio español.
    • En caso de venda, tras a notificación do solicitante, dende a Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Histórico calcúlase o prezo que debe pagar o solicitante e comunícaselle por escrito. Achégase á notificación o impreso autocopiativo de liquidación da taxa. Unha vez feito o ingreso, o solicitante debe remitir á Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Histórico o xustificante deste.

Cálculo da taxa

Tramos da taxa

Non se aplica o tipo de gravame directamente sobre o valor total do ben a exportar, senón que se lle aplican as distintas porcentaxes por tramos:

  • Ata 6.000 euros: 5%.
  • De 6.001 a 60.000 euros: 10%.
  • De 60.001 a 600.000 euros: 20%.
  • De 600.001 en adiante: 30%.

Exemplo: no caso de encontrármonos ante unha exportación por valor de 10.000 euros, a taxa calcularíase do seguinte xeito:

O 5% para os primeiros 6.000 euros e o 10% para os 4.000 restantes, de modo que a cantidade a pagar sería: 300 + 400 = 700 Euros.

Cálculo da taxa realizado por lotes individualizados

Para que a aplicación da taxa sexa máis xusta e proporcionada para o particular, calcúlase a taxa por separado para cada lote incluído na exportación.

Exemplo: no caso de encontrármonos ante unha exportación por valor de 10.000 euros, na que se inclúan dous bens por valor de 5.000 euros cada un, non se aplicará unha taxa do 10% aos 10.000 euros, senón que se aplicará unha do 5% a cada unha das obras.

Subir