Entidades de xestión colectiva
As entidades de xestión colectiva de dereitos de propiedade intelectual, reguladas no Título IV do Libro III do Real Decreto Lexislativo 1/1996, de 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Propiedade Intelectual, poden definirse como organizacións privadas de base asociativa e natureza non lucrativa que se dedican en nome propio ou alleo á xestión de dereitos de propiedade intelectual de carácter patrimonial por conta dos seus lexítimos titulares.
Sometidas a tutela administrativa, requiren a autorización do Ministerio para actuar no cumprimento das súas funcións, entre as que se atopan as seguintes:
- Administrar os dereitos de propiedade intelectual conferidos, con suxeición á lexislación vixente e aos seus estatutos. Estas entidades exercitan dereitos de propiedade intelectual, ben de forma delegada polos seus lexítimos titulares, ou ben por mandato legal (dereitos de xestión colectiva obrigatoria); perseguen as violacións a estes dereitos mediante un control das utilizacións; fixan unha remuneración adecuada ao tipo de explotación que se realice e perciben esa remuneración de acordo ao estipulado.
- No ámbito das utilizacións masivas, celebrar contratos xerais con asociacións de usuarios do seu repertorio e fixar tarifas xerais pola utilización do mesmo.
- Permitir facer efectivos os dereitos de natureza compensatoria (por exemplo, remuneración por copia privada).
- Realizar o reparto da recadación neta correspondente aos titulares de dereitos.
- Prestar servizos asistenciais e de promoción dos autores e artistas intérpretes ou executantes.
- Protexer e defender os dereitos de propiedade intelectual contra as infraccións que se cometan, acudindo cando corresponda, á vía xudicial.